Remate das clases telemáticas

LAURA FERNÁNDEZ

O 13 de marzo a pandemia polo COVID-19  “modernizou´´ a forma de dar as  clases cambiando os centros escolares por casas, os libros por ordenadores, os encerados por pantallas, etc. Esta forma telemática de continuar os estudos resultou ser unha novidade para todos nós e unha nova rutina á cal, coa prórroga constante do estado de alarma, houbo que adaptarse antes ou despois.

            En primeiro lugar, a adaptación a esta nova forma de estudar non foi nada sinxela, provocando como todos os cambios bruscos unha situación de agobio e estrés para moitos de nós. Ao principio, había algo en min que me dicía que isto ía saír mal, estaba perdida, non tiña o correo de todo o profesorado, tiña notas pendentes, materias sen avaliar… En resumo, un auténtico caos, tanto para o alumnado coma para o profesorado  porque nos atopábamos nun ámbito que non controlabamos  e por iso parecía que tiñamos que comezar de cero. Sen dúbida, o lado negativo desta situación foi esa sensación de tensión nos primeiros días e a incertidume de que ía pasar co curso? E coa selectividade?

            Por outro lado, cabe destacar a parte positiva desta situación que a moitos de nós nos tocou vivir. Persoalmente creo que o máis  importante foi o apoio, os ánimos  e a empatía recibida ao longo de todos estes días. Todos estábamos na mesma situación polo que resultaba imprescindible a axuda dos demais compañeiros e os ánimos en cada correo de cada profesor, xa que pese a estar separados por kilómetros, parroquias e estradas en realidade estabamos máis unidos que nunca.

            Agora que practicamente acabou todo isto toca preguntarnos se estamos preparados para outra vez, chegará o verán e desconectaremos disto sendo un remate escolar moi diferente aos demais, pero pode ser que en setembro teñamos un regreso a clases bastante semellante a este último trimestre do curso escolar 2019-2020. En realidade, é importante decatármonos de que todo é unha aprendizaxe e máis para nós que nos atopamos nun proceso continuo de aprendizaxe. Eu, por exemplo, a nivel académico, decateime do importante que son todos e cada un dos contidos que se imparten nun curso posto que son esenciais para o seguinte; todo o que aprendemos é por e para algo.

            En definitiva, as clases telemáticas estiveron ben e creo que tanto para min coma para todos porque nos decatamos do importante que é ser bos compañeiros, axudar a quen o necesite e traballar como un equipo xa que, a fin de contas, todos estamos facendo o mesmo aínda que tamén haxa como en todo unha parte individual non menos importante. Ademais resulta curioso como sempre estamos desexando rematar o curso e o pouco que nos gusta acudir ás clases e agora preferiamos volver aos nosos pupitres, á nosa clase, ver os amigos e incluso os profesores e nn despedirnos na distancia.

Remate do curso escolar 19-20

LAURA FERNÁNDEZ

O pasado día 13 de marzo as portas das escolas pecháronse a causa da pandemia polo COVID-19 facendo que os estudos tivesen que continuarse de forma telemática. Esta situación abriu o seguinte debate, debe darse por finalizado o curso escolar 2019-2020 con data de 13 de marzo? Baixo o meu parecer non, xa que isto desencadearía unha serie de consecuencias totalmente prexudiciais para os estudantes.

            En primeiro lugar, cada curso conta cuns determinados contidos que teñen que ser ensinados e dos que cada alumno se ten que examinar, non podendo pasar ao curso seguinte se un estudante non posúe un coñecemento mínimo de ditos contidos. Por este motivo, o curso non pode darse por finalizado a mediados de marzo pois quedaría materia pendente para os nenos e nenas. A única medida posible neste caso podería ser incorporar a materia pendente de cada curso ao seguinte para así “recuperala´´  pero, non se pode dar en nove meses o que se tería que dar en doce. No caso de segundo de bacharelato, o remate do curso nesta data sería totalmente prexudicial pois terían que estudar pola súa conta os contidos dos que se examinarían posteriormente en selectividade. Aínda que tras este curso os alumnos se presentan á proba de acceso á universidade, este criterio pódese aplicar ao resto dos niveis académicos posto que nos cursos seguintes eses contidos serían vistos en maior profundidade, carecendo dunha explicación previa sobre eles antes de facelo.

            Por outro lado, se hai algo que resulta fundamental para os estudantes é o hábito de estudo. O remate do curso escolar 2019-2020 con data de 13 de marzo suporía o mesmo que o 22 de xuño de cada ano; vacacións, pero neste caso do dobre de tempo. Moitas veces o inicio do curso en setembro faise costa arriba para moitos de nós polo que despois de pasar tanto tempo lonxe dos libros dificultaría isto moito máis,  provocando sen lugar a dúbidas a perda de hábitos fundamentais no desenvolvemento de cada alumna e alumno.Nalgúns casos, sobre todo no de estudantes de cursos superiores isto sería máis difícil que ocorrese porén,no caso dos rapaces de infantil e primaria que se atopan nunha etapa clave no proceso de aprendizaxe é esencial que continúen realizando tarefas pois, en caso contrario, produciríase un descenso do rendemento académico e un escaso desenvolvemento da responsabilidade

            En terceiro lugar, cómpre sinalar que a continuidade do curso suporía un aspecto positivo e unha oportunidade para aquelas persoas con algunha materia suspensa nas avaliacións anteriores xa que, ao non rematar o curso poderían recuperalas a través de distintos tipos de actividades. Se un estudante ten dúas materias suspensas na segunda avaliación e o curso remata tería que ir ás probas extraordinarias de setembro e de non superalas repetir curso, polo tanto se o curso continúa en ningún caso os alumnos se verían prexudicados xa que poderían realizar tarefas de recuperación.Así mesmo, nestas condicións o profesorado sempre vai a intentar manter contacto cos seus alumnos para que continúen facendo actividades relacionadas coa materia e que ningún deles acabe penalizado por culpa da pandemia.   

            En definitiva, a continuidade do curso sería un aspecto positivo en todos os ámbitos da educación; avaliación, promoción e proceso de aprendizaxe posto que axudaría a continuar cun hábito de estudo fundamental e a ter a base necesaria de cara os seguintes niveis educativos. Probablemente como estudantes e co pouco que nos gusta o colexio á maioría de nós, prefeririamos dar por finalizado o curso e desfrutar xa das vacacións pero no meu caso, ao ser estudante de segundo de bacharelato decateime de que a educación e todo o que nos ensinan é necesario para o noso futuro. Ademais, grazas ao vídeo que circula pola rede sobre que é o que nos toca?, sei que o que me toca a min é seguir estudando,aprendendo e loitar para que as portas das escolas sigan abertas.

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos