#NonNosCanceles

Silvia Casal

Chega a noite, pero ultimamente con ela non vén o sono. Nunha das tantas madrugadas sen máis que un móbil na man decidín soltar ese aparello diabólico, que ultimamente semella unha extensión do meu brazo, e pensar. Pensar eu en min, no eu.  Aquela pantalla, que fai nada miraba sen separar os ollos, ensíname un novo mundo, amósame realidades, apórtame coñecementos, pero a miña mente ten o poder do recordo. Así que recordei. Recordei canto me gustaba a min debuxar. Xa había moito que non o facía por pracer. Tiña tempo, non sono, e si ganas. A combinación perfecta. E aquí sigo, unha semana despois, co lapis entre os dedos todas as noites. Decatándome, máis ben lembrando, que a cultura é o que nos mantén máis vivos (ou espertos, como queiras dicilo). Non estou falando simplemente do que eu podo crear, senón do que bebo. Porque, que sería do meu caderno de debuxos sen as miñas playlists de Spotify soando ó fondo, sen os poemas que rematan converténdose en retratos de rapazas chorosas ou paisaxes esperanzadores, sen os centos de contidos que me inspiran todos os días? Un caderno en branco.

               A cultura ten o obxectivo de facernos sentir, de comunicar, de crear unha sociedade crítica, libre e democrática. O que nos tocou vivir é unha pedra no camiño. Un muro que nos mantén illados, pero que xuntas e xuntos podemos derrubar. Podemos levantarnos disto e seguir camiñando. Pero non é un traballo individual. Se non nos erguemos todos o mundo volverá a tropezar, ou non será quen de levantarse completamente.  A sanidade é o sector indispensable do momento. Non hai palabras abondo para describir o valor e labor dos traballadores, traballadoras e persoal médico. Non hai adxectivos que poidan definir con exactitude a importancia dunha sanidade pública digna. Pero non podemos esquecer outro tipo de saúde: a mental.

               A asociación entre cultural e superficial está instalada no pensamento da sociedade. Mais non é así. Abride os ollos, as mentes, para expulsar esa idea delas. Cando isto remate decatarémonos do que é imprescindible nas nosas vidas. Non os novos vaqueiros de tempada, nin o mellor coche da contorna. Estar illados fainos enfrontarnos a nós mesmos. E eu son a mesma en chándal frouxo que en vestido de satén. Son eu con maquillaxe ou sen el. Enfrontarse a un mesmo significa pensar no eu. En situacións normais non o farías, seino, porque ninguén o fai. Pero recluída entre catro muros non podes escapar da túa persoa. Non podes mirar para outro lado, porque en cada parede hai un espello. O illamento enfróntache ós teus demonios. E o único que che salva deles é a cultura. Din que na corentena un decátase de quen está de verdade e quen non. A cultura sempre está. Como un flotador ó que agarrarse. Sálvanos a nós e afúndese a si mesma.

               O ser humano esquece por natureza. Non os malos actos nin as tristuras, paradoxicamente esquece a xenerosidade. Quero pensar que non, pero sinto un receo de que cando todo isto volva á normalidade ninguén lle dará importancia ó labor dxs artistas. Ninguén recordará como todas as empresas das artes escénicas e musicais, de todas en xeral, subiron as súas obras de forma gratuíta e voluntaria a toda clase de plataformas para que nós puidésemos desfrutar delas. Porque o persoal sanitario son heroes e heroínas, pero os traballadores culturais tamén. Uns cúrannos o corpo e outros a mente. Uns sálvannos da morte e outros da loucura.

               Mais, por moito que o sexa para min ou para ti, a cultura non é un imprescindible para o Ministerio de Cultura. Baixo o lema “Non nos canceles os e as artistas galegxs reivindican apoio para superar a fochanca que está supondo o coronavirus e o confinamento. Piden axuda financeira no sector, unha garantía de acceso ó desemprego e outras prestacións sociais, a indemnización pola suspensión dos ingresos, proporción de axudas como reducións de impostos, préstamos ou microcréditos, mantemento de contratacións e busca de novas datas para as actuacións. O Ministerio si iniciou un plan de rescate de 50 millóns de euros para axudar ás federacións deportivas. Porque iso si que é un imprescindible. O ministro deste campo non defende no Consello a necesidade de apartar un fondo para a cultura deses 100.000 millóns que Europa vai a destinar ós países máis afectados, o que simplemente sería a parte proporcional do que o sector aporta ó PIB nacional. Países como Italia inxectaron un plan de 130 millóns de euros para o sector, a mesma cantidade de perdas que se prevé en España neste campo. Francia mobilizou axudas, que contemplan o aprazamento no pago de impostos para determinadas industrias culturais ou autónomos.  Por iso o sector cultural galego reclama a comprensión do público que o aplaude e das administracións que deben axudar a soportar un golpe desta magnitude. Porque.. cando isto remate a cultura seguirá sendo gratis ou a billeteira, como na crise de 2008?

E aquí sigo, outra noite máis. Pintando no meu caderno. Escoitando música. Lendo artigos e contos. Vendo filmes, series, curtas. Que fas ti? Soñando en todos os concertos ós que irei, en todas as obras de teatro ás que asistirei e que representarei, en todos os libros que mercarei, cheirarei e tocarei. Pero para iso falta moito. Porque o sector dos praceres imprescindibles será o último en volver á normalidade. Iso se o fai.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: