Debería ser obrigatorio para o funcionariado público o coñecemento do galego?

Laura Fernández

A presenza do galego nas intervencións públicas levadas a cabo polos funcionarios está sendo cada vez menor ata o punto de resultar escasa. Polo tanto, dispóñome a abrir o seguinte debate: Obriga de coñecer o galego por parte dos funcionarios públicos si ou non? Tendo en conta que o galego é a lingua oficial de Galicia a miña postura está clara; si é necesario.

En primeiro lugar, cabe falar do concepto de diglosia, situación na que coexisten dúas linguas nun mesmo territorio, usadas en ámbitos distintos debido a que unha delas conta cun maior prestixio sobre a outra, que é a lingua propia pero minorizada. No territorio galego, a presenza da diglosia é máis que obvia, basta con ver que o castelán é a lingua predominante nas roldas de prensa, nos xornais, nos anuncios, nos comunicados oficiais…. Por que non se utiliza a lingua oficial e propia do territorio? A resposta xira unha vez máis arredor desta lingua alóctona (castelán) pois é considerada a lingua de prestixio dentro do territorio galego. Ademais, debido a que a comunidade galega fala galego, se a administración pública (concellos, escolas, médicos, correos….) empregase esta lingua, este sector tería un maior contacto e comunicación coa poboación.

 Por outro lado, se intentamos buscar cal é o verdadeiro motivo desta situación o camiño condúcenos directamente  ós prexuízos; concretamente ao prexuízo de que o castelán é a lingua adecuada para os comunicados ” importantes”. Resulta totalmente discriminatorio que os galegos non poidan recibir a información “importante” na súa lingua materna. Os galegos vivimos habitualmente moitas situacións nas que falamos en galego e respóndennos en castelán, ou falamos en galego e dinnos ‘perdón, es que no la entiendo’ ‘, ‘ ‘Puedes hablarme en castellano?’ ‘ ou ‘ Me estás hablando en gallego!?’ ‘. A miña pregunta nestes casos sempre é a mesma, por que non podes falar ti en galego? Penso que máis que esixirnos a nós o coñecemento e o emprego do castelán debería ser ao revés; primeiro  porque o galego, ademais de ser oficial, é a lingua propia de Galicia e segundo porque hai moitas persoas que só coñecen a súa lingua materna. Como podemos facer fronte á situación de diglosia e á substitución lingüística se o funcionariado nos esixe o uso da lingua alóctona? 

 Se os galegos temos que cambiar ao castelán cada vez que un funcionario nos fala neste idioma, cando usaríamos a nosa lingua? Practicamente só na casa e nas tendas de toda a vida. Se eu falo en galego e hai alguén que non me entende, non teño problema en cambiar a lingua, todo sexa por ter unha boa comunicación; pero, o colmo está en que a meirande parte das persoas que me falan castelán entenden o galego; polo tanto non, non estou disposta a cambiar a miña lingua para contentar a outros. Dito isto, considero de obriga que os funcionarios e funcionarias coñezan o galego para non volver oír que “falar castelán é falar ben e falar galego é de paletos´´.

En definitiva, estou a favor da obriga de coñecer o galego por parte dos funcionarios e funcionarias públicos pois, considero que é unha forma de non desprestixiar a lingua propia de Galicia e respectar os seus falantes.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: