Día Mundial da Saúde

Paloma Sobradelo

No ano 1948, a Asemblea Mundial da Saúde proclamou o 7 de abril como Día Mundial da Saúde. Esta data foi escollida para conmemorar a fundación da Organización Mundial da Saúde (OMS) e coa necesidade de crear conciencia sobre as enfermidades mortais mundiais e crear hábitos saudables nas persoas. Así mesmo, os profesionais sanitarios son esenciais xa que son os que velan pola nosa saúde. Actualmente, coa crise do Coronavirus, os sanitarios están realizando un labor fundamental á vez que admirable.

            Mentres o presidente da Xunta e o conxunto dos seus conselleiros anuncian esta semana que doarán o 30% do seu salario do mes de abril para combater o Coronavirus, os datos facilitados pola Asociación Galega para a Defensa da Saúde Pública non deixan lugar a dúbidas: durante os seus mandatos o Servizo Galego de Saúde recortou o orzamento en máis de 1.000 millóns de euros, ao tempo que inflaba o beneficio da sanidade privada, que proporciona o 25% da atención hospitalaria na nosa comunidade. Na práctica, isto supuxo a abolición de 513 prazas de persoal médico, 184 de enfermaría e 1.121 en todas as categorías, así como o peche de 450 camas públicas en instalacións hospitalarias. Con isto podemos concluír que a sanidade pública está totalmente marxinada. E en realidade, é a que realmente funciona, a que os cidadáns pagan cos seus impostos e está a disposición de todos. Porque todos temos o mesmo dereito a recibir asistencia sanitaria. Independentemente das rendas.

            A consecuencia dos recortes na sanidade pública, non hai material sanitario suficiente para afrontar a crise do Coronavirus. Isto é do que máis se queixan os profesionais sanitarios xa que son os que se atopan en primeira liña desta loita. Se non hai material suficiente, os profesionais non teñen a protección necesaria e están en risco de infectarse. E se os sanitarios contraen a enfermidade, prodúcense baixas e, con isto, os hospitais quedan sen persoal cando máis falta fai. Así mesmo, o Goberno asegurou este luns que había uns 19.400 médicos e enfermeiros que deron positivo en Coronavirus e que o 20% xa foran dados de alta. Deste xeito, a falta de material é a causa de que aumente o número de sanitarios infectados.

            Cada día ás 20:00 saímos ao balcón ou á ventá e unímonos todos nun profundo aplauso dedicado aos profesionais sanitarios. Por multitude de razóns. A primeira e a máis importante, por arriscar a súa vida para salvar outras.

En conclusión, a sanidade pública está totalmente ameazada polos recortes da crise económica. Estes recortes son a causa da falta de material, algo esencial para a protección dos profesionais. Os sanitarios deben traballar nunhas condicións dignas nas que a súa saúde non estea en perigo. Deste xeito, neste Día Mundial da Saúde, no que nos atopamos confinados nas nosas casas sen poder saír, cabe render culto aos nosos médicos-as e enfermeiros-as por realizar un labor excepcional e por arriscar a súa saúde pola doutros. Grazas a eles e a elas pouco a pouco imos saíndo desta crise sanitaria. Pero tamén é importante recalcar que non só son esenciais en momentos coma estes. Non esquezamos que antes desta crise tamén salvaban vidas. E despois dela seguirán facéndoo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: