Deberían @s funcionari@s públic@s falar galego?

XIANA COLLAZO

Na miña familia hai o costume de comer escoitando a radio; hoxe estabamos atendendo as novas sobre a pandemia. O Presidente da Xunta, ofrecía unha entrevista. Resolvía as primeiras dúas cuestións en galego, ou intentábao; pero chegou un punto que (independentemente do idioma no que se realizaba a pregunta) el só respondía en castelán. Producíronse entón unha serie de situacións extravagantes: un dos xornalistas preguntou polas datas de reincorporación ás aulas e a resposta foi “No hay datas todavía”.

Démoslle a volta á situación, todos recordamos o vergoñento episodio do “café con leche en Plaza Mayor”, e atopamos hilarante que unha política non fora capaz de expresarse nun correctísimo inglés diante da comitiva estranxeira. Pero non é máis preocupante que o noso máis alto representante non sexa quen de facelo na lingua propia do territorio que goberna? Onde deixa iso ó galego? Todas as barreiras que se foran derrubando grazas ao labor normalizador dos e das falantes e do activismo non institucional quedan ergueitas de novo. Se quen se supón que debe mostrarse orgulloso do idioma non é capaz de dar unha rolda de prensa ou de elaborar un discurso na lingua do noso territorio, por que llo imos exixir ao alumnado de secundaria?.

É fundamental que @s diferentes funcionari@s públic@s saiban expresarse en galego, porque de non ser así, estaría a repetirse, en certo modo, a situación de substitución nobiliaria que se dera na Idade Media, na cal os campesiños tiñan que dirixirse ó cura ou ó señor feudal en castelán. @s funcionari@s representan figuras de autoridade e prestixio na sociedade (médic@s, mestr@s, administrativ@s). Se non se desenvolven en galego estanse a perpetuar prexuízos diglósicos (presentando o galego como lingua de paletos); ademais de que iso sería un exemplo da falta de normalización do noso idioma. O que está a acontecer non é máis que unha situación de diglosia. Hai ademais outro tipo de problema, a diglosia invertida: algúns dos políticos ou funcionarios que falan en galego, fanno de xeito incorrecto, mostrando ben pouco respecto pola lingua, fanno coma quen pon o traxe para ir a traballar e bota perfume; coma un requisito máis para subir ó atril nunha comparecencia, nunha rolda de prensa, nun discurso electoral e un longo etcétera. Usan o idioma de xeito totalmente ritualizado, coma no século XX cando os curas poñían a toga e daban a misa en latín.

               O inicio deste problema podería estar no Estatuto de Autonomía de 1981, no cal se establece a oficialidade do galego; pero unha oficialidade asimétrica con respecto ó castelán. Posto que deixa o coñecemento do galego como “dereito” mentres que para o castelán rexe o deber. Se o documento do que se parte para desenvolver a normalización lingüística deixa o galego como unha lingua de segunda clase, como se van poder levar a cabo entón medidas eficaces que garantan a saúde do idioma?

Mais por desgraza esta só é a primeira fase dun proceso que leva incubándose durante anos, a seguinte fase será o abandono definitivo do galego que terá como fase terminal a desaparición do idioma. Isto só acontece debido a que esquencemos que a razón de ser da Xunta e dos medios específicos para a nosa comunidade é o idioma. O que nos diferencia do resto de Comunidades Autónomas e en definitiva do mundo. Isto é o que acontece cando deixamos de lado a nosa identidade individual e abrazamos o hexemónico. Unha vez máis a multinacional acabando co pequeno comercio. Pero ben, parece que isto é unha enfermidade que non vai afectar tan só ao noso territorio, a globalización é a verdadeira pandemia desta historia.

Por Laura Nine…

            Se un inglés desexase acceder a un cargo público en Francia, Alemaña ou Italia, sabería que ten que aprender a súa lingua. Pode que nuns anos nos atopemos en postos públicos ingleses que descoñecen o español, italiano ou portugués, e será culpa dos españois que o permitiron. Deben os galegos permitir que ás persoas a quen lles pagan os soldos descoñezan a súa lingua?

            Calquera persoa que viva na Galiza pode desmentir as palabras do deputado que afirmou: “Ninguén pode negar que o castelán desapareceu da Galicia”. O que demostra ese deputado, ademais de non pasar moito tempo no país, é que non respecta a normalización lingüística.

            Non podemos esquecer que os galego-falantes temos o dereito a expresarnos en galego se así o desexamos: como poñelo en funcionamento se o funcionariado da Galiza descoñece a nosa lingua? Os galegos deben poder empregar a lingua de xeito natural, sen ter que estar reivindicando ese dereito do que non gozan.

 “O castelán é tan galego como o galego”. Esta frase dita a modo de refrán case dende fai medio século, é interpretada por algunhas persoas como a maneira de describir o idílico bilingüismo harmónico que nin sequera existe como concepto da Sociolingüística. Pero a realidade é que esta cita provén da época franquista, dita por aqueles a quen lles gustaría que a lingua galega vivise a modo de reliquia e non na boca de quen a falan.

O galego non pode seguir sendo o idioma maioritario de Galicia sen a acción institucional do poder político. Precísase un organismo eficaz, que non se limite a promover cursos de lingua para diversos tipos de profesionais e a difundir campañas, de dubidosa efectividade, de fomento do uso do galego. Na miña opinión, o máis importante é a acción individual, pois a lingua vive nos seus falantes, pero non é suficiente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Create your website with WordPress.com
Primeiros pasos
A %d blogueros les gusta esto: